top of page

Sen acerto pero… Á FINAL! (0-0)

O Noia Portus Apostoli FS fixo historia e conseguiu acceder á súa primeira final de Copa Galicia despois duns corenta minutos nos que, a pesar do seu empeño, sobre todo defensivo e dun Brais inconmensurable, o Santiago Futsal acabou claudicando.

Luisma intenta disparar ante a oposición de Alberto

Estourou de alegría, de ledicia, o Agustín Mourís despois do pitido que poñía fin ao encontro entre os seus e o Santiago Futsal. Non foi para máis, despois duns corenta minutos nos que os seus demostraron ser superiores ao seu rival e, a pesar das dificultades para convertir, lograron certificar o pase á final da XXIX Copa Galicia, a primeira vez para os brancos nesta competición.


Durante a disputa do primeiro tempo tiveron os afeccionados noieses que conter o alento con cada unha das ocasións que os seus non eran capaces de transformar nun gol que puxera terra de por medio no global, xunto coa tranquilidade que iso conleva.


Un monólogo noiés en ataque, interrompido en momentos moi aillados polos de David Rial, que se resgardaban na defensa, confiando nunha grande actuación de Brais baixo paus e en anotar algunha das escasas contras ou accións a balón parado que dispuxeran.


Foi o ex do Noia PA o grande protagonista da primeira metade -e do partido-. Ocasións de todas as cores, chegadas desde as botas de todos os xogadores noieses, salvadas de todas as maneiras imaxinables… e as que non ían ao pau, como a de Rivera ou a de Antonio Diz, as dúas máis claras dun equipo que tiña á súa afección constantemente coas mans na cabeza.


Descanso, Noia Portus Apostoli FS 0-0 Santiago Futsal


Con enerxías renovadas, sabía o Santiago Futsal que tería nos primeiros minutos maiores posibilidades de sorprender aos locais. Alán, cun bo tiro, obrigou a intervir a un Álex Pérez moi seguro en todas as súas intervencións coas mans e cos pés.


Porén, o guión mantívose sobre a mesma liña dos primeiros vinte minutos a partir desa intentona dos santiagueses. Incluso despois da xogada que aportou a polémica, vella coñecida dos derbis, no minuto 24 de partido. Unha disputa polo coiro entre Brian e Rangel, na que o xogador visitante se revirou contra o noiés, acabou cos dous futbolistas expulsados, ao igual que Marlon Velasco, que viu o cartón vermello por saírse da súa zona técnica.


Coa inusual imaxe de catro contra catro na pista e os apupos da grada local se reanudou o xogo, dando lugar a uns momentos nos que o Noia seguiu a ser dono e señor do choque, pero co Santiago tentando revelarse con algunha chegada perigosa en velocidade. O disparo de Cristian Bernal ao pau marcaría a máis clara dos corenta minutos para os de Rial.


A partir desa, a balanza decantaríase definitivamente a favor noiesa. O que nun escenario normal suporía anotar un, dous, tres, incluso catro goles, quedou en nada por uns novos vinte minutos formidables para os visitantes, desesperantes para os locais, de Brais, ademais doutro pau. Pirata estivo a punto de cumprir a lei do ex, pero o seu punteirazo estrelouse co longueiro.


Co reloxo chegando ao final e o Noia manexando o balón, o dominio e tamén o marcador global (o 3-4 da ida favorecíalles), a Rial non lle quedou outra que apostar polo porteiro-xogador para dar a reviravolta ou morrer de pé. Alberto vestiu a camiseta azul para dar superioridade aos seus, pero Álex Pérez e os seus compañeiros nunca chegaron a temer verdadeiramente, cunha defensa moi fiable ata o pitido final que levou ao Noia PA a cumprir historia.


Final do partido, Noia Portus Apostoli FS 0-0 Santiago Futsal


Moito traballo despois, o Noia PA FS é finalista dunha competición que respecta e que coida. O Pescados Rubén Burela será o rival na gran final da XXIX Copa Galicia, con data aínda por determinar, na que agardamos ter á nosa afección, a verdadeira protagonista, ao noso carón, para un dos maiores retos da nosa historia.


Ficha técnica:


Noia Portus Apostoli FS: Álex Pérez (p), Javaloy, Lluc, Javi Rangel e Pirata. Tamén xogaron Luisma, Pope, Antonio Diz, Álex Naranjo, Rivera, Rodri e Armando.


Santiago Futsal: Brais (p), Álex Ares, Porto, Cristian Bernal e Alán. Tamén xogaron Alberto, Brian, Quintás e Matos.


Os colexiados Amor Vizoso e Roberto Segundo amonestaron con cartón amarelo aos locais Pirata, Antonio Diz e Domingo e ao visitante Alán. Amosaron cartóns vermellos a Rangel e Brian e ao adestrador noiés Marlon Velasco.


Incidencias: encontro correspondente á volta de semifinais da XXIX Copa Galicia, disputado no Agustín Mourís ante uns 100 espectadores.

Comments


bottom of page