top of page

PREVIA | Noia Portus Apostoli FS-Pescados Rubén Burela FS | A loitar por un novo título

Comezan as semifinais da XXX Copa Galicia co encontro de ida, este mércores a partir das 20:30h os noieses vense as caras cun Primeira División en busca de tomar a dianteira na eliminatoria.
Os colexiados do choque serán Jorge Otero Mira e Daniel Dacal Deza.
Edu Jabá executa un pase ante Marcelo nun adestramento

Retoma o Noia Portus Apostoli FS a súa competencia na XXX Copa Galicia co encontro de ida das semifinais. Despois de desfacerse do Sala Ourense por 1-11 nos cuartos de final, os brancos afrontan agora unha dura eliminatoria contra o Pescados Rubén Burela FS, que milita na Primeira División.


O sorteo das semifinais quixo que se repetira nesta fase a final da última edición. Naquela ocasión, os laranxas venceron por 5-2 en Narón, un marcador demasiado abultado para os méritos amosados polos noieses. Agora, co obxectivo do ascenso a Primeira logrado, os esforzos están máis postos que nunca en mellorar esa actuación.


Chega o rival nun momento delicado e contraposto. Colista da Primeira División con catro puntos, sen aínda coñecer a vitoria e con recente cambio de adestrador, o Pescados Rubén Burela tentará atopar no torneo galego o punto de inflexión desta temporada. Ademais, os de Rafa Merino contarán coa motivación de ir a pola reconquista do título, seguindo un camiño que comezou eliminando en cuartos ao CD Lugo Sala por 2-5.


En plena Semana Santa, o Agustín Mourís pode marcar as diferenzas para deixar ao Noia Portus Apostoli FS máis preto dunha nova final histórica e de redondear unha temporada xa magnífica.


Entradas


SOCIOS/AS: 5€

XERAL: 10€

INFANTIL (non socios menores de 14 anos): 8€


COMO COMPRO A MIÑA ENTRADA?


• ONLINE: noiafs.acyti.com

• PRESENCIAL: hoxe martes en horario de 18:30 a 20:30h en taquilla do Municipal Agustín Mourís.


Recorda que é obrigatorio usar máscara en todo momento na túa estancia no Municipal, recoméndase acudir con tempo e quédate na casa se tes síntomas claros da COVID-19.


Últimos cinco precedentes (só partidos oficiais)


·6 de febreiro de 2018 | XXVII Copa Galicia – Cuartos de final | Noia PA FS 2-5 Pescados Rubén Burela

·28 de abril de 2018 | J30 Segunda División 2017/2018 | Noia PA FS 3-5 Pescados Rubén Burela

·8 de decembro de 2018 | J13 Segunda División 2018/2019 | Noia PA FS 2-9 Pescados Rubén Burela

·13 de abril de 2019 | J28 Segunda División 2018/2019 | Pescados Rubén Burela 3-3 Noia PA FS

·9 de xaneiro de 2021 | XXIX Copa Galicia – Final | Pescados Rubén Burela 5-2 Noia PA FS


DECLARACIÓNS PREVIAS | Lluc e Marlon Velasco



Comments


bottom of page