O cadro filialista noiés igualou un 3-1 en contra, pero nos últimos minutos dúas xogadas desafortunadas acabaron coas esperanzas de sumar algo contra o Concello de Begonte FS.
Cuarta derrota consecutiva para o Noia Portus Apostoli B, que novamente se viu penalizado de forma grave polos seus erros, e aínda así chegou vivo ao tramo final, no que o Concello de Begonte tivo a fortuna e o acerto precisos para levarse os tres puntos.
Desde a defensa buscaba crecer o Portus Apostoli B, nun encontro que comezou igualado e agresivo por parte de ambos bandos. Só dous erros de concentración, un nunha transición e outro nun saque de banda rápido dos locais, decantou a balanza para o Concello de Begonte, que colocaba o 2-0 no marcador.
Reduciu distancias o conxunto branco nunha acción de estratexia, na que Insua anotaba a pase de David Agraso, mais pouco tardou o equipo local en aproveitar un erro en saída de presión dos nosos para facer o 3-1 co que se alcanzou o descanso.
O electrónico mantivo esa situación ata entrados os últimos dez minutos, nos que o Portus Apostoli B deu o seu arreón final. O tanto de Manu Lorenzo e un en propia meta casi consecutivos deron folgos aos noieses, que desgraciadamente acabaron desaparecendo con dúas xogadas desafortunadas. Un tanto en propia meta e outro nun mal despexe terminaron co 5-3 que nin o porteiro-xogador dos nosos puido alterar.
Seguinte partido
Os noieses recibirán ao CD Beade MVMB Copefri a próxima semana, na sétima xornada do campionato ligueiro de Terceira División.
Ficha técnica
Concello de Begonte FS: Jorge Rodríguez (p), Brais Cereijo (c), Jacobo Seijas, Borja Silvosa e Ángel Prado. Tamén xogaron Jose Roca, Brais Ansede, Daniel Jove, Diego Lobeiras, David Fernández, Roberto Freire, Daniel Varela e Francisco Pastor.
Noia Portus Apostoli B: Pablo (p), Insua, Yago Vizoso, Pau e Manu Lorenzo (c). Tamén xogaron Adrián Casaldoeiro, Andrés Buján, Cristian, David Agraso, Pablo López e Álvaro.
Goles: 1-0 Francisco Pastor (8’), 2-0 Daniel Jove (10’), 2-1 Insua (12’), 3-1 Roberto Freire (18’), 3-2 Manu Lorenzo (33’), 3-3 Brais Cereijo en propia meta (33’), 4-3 Yago Vizoso en propia meta (33’), 5-3 David Fernández (35’).
Os colexiados Buján Barciela e Pérez Giráldez amonestaron con cartón amarelo ao xogador local Jacobo Seijas (38’) e ao adestrador David Pena (25’) e aos visitantes Insua (13’), Álvaro (19’) e Pablo López (27’).
Incidencias: partido correspondente á xornada seis do campionato de Terceira División, disputado no Municipal de Baamonde.
Comments