top of page

CRÓNICA 1/4 COPA GALICIA (PAZ 1–8 NPA) | Clasificados para semifinais!

Contundente triunfo do conxunto noiés nun Municipal de Pazos a rebentar para confirmar o seu avance na Copa Galicia.
O Parrulo Ferrol será o rival na ronda de semifinais, nun partido que será a reedición da final da pasada edición en Marín.
Nico Rosa e Power Raggiati abrázanse, despois do gol do primeiro (foto: Manuel Lorenzo)

O Noia Portus Apostoli FS cumpriu cos prognósticos na súa visita a Pazos de Borbén. 1-8 foi o resultado final do encontro, co que os noieses firman o pase a semifinais da Copa Galicia, onde se verán as caras co O Parrulo Ferrol FS.


Un ambiente de cita grande debuxou o Municipal pacense, ateigado xa desde o tempo de quecemento. Cada acción minimamente positiva dos vermellos era correspondida con atronadoras ovacións desde as gradas, como o disparo lonxano que gozaron os locais nos primeiros minutos que puido ser o 1-0.


Encargouse Nico Rosa, no seu debut, de dar un golpe de realidade anotando o 0-1 no minuto 3. O arxentino, así como o outro acabado dechegar Álex García, gozaron de moito protagonismo, en pos de ir collendo ritmo e mecanismos cos seus novos compañeiros, mentres Marlon Velasco decidiu dar descanso a Altamirano, Bruno Gomes, Edu Jabá ou Machado.


O tanto inicial dos noieses non foi razón suficiente para torcer aresistencia dun duro e sólido Pazos, que aguantaba no ataque posicional as continuas chegadas visitantes. Aí, foi claveo balón parado. Con esa vía, os brancos, que vestiron de amarelo para a ocasión,lograron dous goles para poñer máis terra de por medio no electrónico. Alisson, nun saque de esquina, e logo Pirata, nun remate directo de falta, puxeron o 0-3 despois de trece minutos de xogo.


Mais os ánimos locais non cesaron, e, xa na segunda metade, o gol de Luis no minuto 30 fixo estourar de alegría aos seus, tanto os da pista como os da grada. Un premio merecido á entrega dos vermellos, pero nada máis, porque pouco tardou Pirata en manter a tranquilidade dos seus co 1-4, resolvendo coa zurda unha xogada individual pola banda.


Sería novamente Pirata o encargado de facer o 1-5, a pracer a pase de Lluc. Xa nos minutos definitivos, o lucense converteuse definitivamente nun dos nomes propios do choque, aproveitando a saída do porteiro-xogador do Pazos para sumar un total decinco dianas que, xunto á final de Nico Rosa a pase do propio Pirata, pecharon o marcador de 1-8 favorable ao Noia.


O Portus Apostoli, que comezará a preparar o choque ligueiro do 18 de febreiro contra o Viña Albali Valdepeñas a partir do vindeiro luns, xogará as semifinais, a partido único, da Copa Galicia en Ferrol contra O Parrulo o 29 de marzo.

 

Ficha técnica


SD Pazos de Borbén FS: Marcos (p), Aarón, Mario Paz, Costas e Luis (c). Tamén xogaron Lolo (p), Simón, Jonás, Mariete, Joni, Diego e Martín.


Noia Portus Apostoli FS: Gozi (p), Power Raggiati, Lluc (c), Douglas e Nico Rosa. Tamén xogaron Hozjan, Álex García, Pirata, Alisson e Marcelo.


Goles: 0-1 Nico Rosa (3’), 0-2 Alisson (11’), 0-3 Pirata (13’), 1-3 Luis (30’), 1-4 Pirata (30’), 1-5 Pirata (37’), 1-6 Pirata (38’), 1-7 Pirata (39’), 1-8 Nico Rosa (39’).


Os colexiados Iván Feliz Otero e Jorge Otero Mira amoestaron con cartón amarelo polos locais a Mario Paz (13’), o delegado Adrián Fernández (16’), Diego (27’), Mariete (27’) e Joni (30’) e polos visitantes a Alisson (17’), Douglas (24’), Pirata (27’), Hozjan (29’) e Marcelo (34’). Viu o cartón vermello directo o delegado Adrián Fernández (19’).


Incidencias: partido correspondente aos cuartos de final da XXXI Copa Galicia, disputado no Municipal de Pazos de Borbén ante uns 600 espectadores.

Comments


bottom of page